Estamos na bitácora dos alumnos e profesores do IES de Sada

27/01/07

“Almanaque Solidario”




Aquí tedes o "Almanaque Solidario" do ano 2007.

Detrás del hai unha pequena historia que vos quero contar. Como supoño que sabedes, os rapaces e rapazas de 4º da ESO organizan cada ano unha viaxe fin de curso e, para recadar diñeiro, venden moitas cousas: bois, camisetas, polvoróns, etc.; este ano algúns deles, xunto coa profesora de Debuxo, pensaron facer un calendario e vendelo con este mesmo fin. Déronlle voltas a idea ata que se lles ocorreu facelo con forma de tetraedro. ¡Non me digades que non é bonito!, pero ¿Queredes saber como acabou converténdose neste almanaque "solidario"?, pois seguide a ler.

Sabedes que, dende hai tres anos, a ONG "Save the Children" invítanos a participar na actividade "Carreira de solidariedade con...", cada ano é con un país do chamado 3º mundo. Este ano, o día que fomos facer a "manifestación solidaria"... chovía. Aquilo parecía unha manifestación de "paraugas". O peor foi que, por mor da chuvia, ademais de mollarnos, non puidemos ir pedindo diñeiro pola rúa e, por iso, non recadamos tanto como o ano pasado. Pois ben, as alumnas/os de 4º da ESO xunto coa súa profesora de Debuxo, decidiron doar o proxecto de calendario de fin de curso a esta nova finalidade. Así foi como, no conto de ter sido un almanaque de fin de curso, pasou a ser un almanaque solidario.

Como ben imaxinaredes, unha vez deseñado, houbo que levalo a imprimir, e houbo que pagar os gastos da imprenta. Para isto usamos os cartos que recadáramos na "manifestación solidaria". Agora esperamos vendelos todos para enviarlle o diñeiro, o máis asiña posible, ós de Save the Children.

Fixemos 300 exemplares e vendémolos a 1,50 € (acéptanse "propinas"). Se fósemos quen de vendelos todos haberíamos de mandarlle 450 €, é dicir, máis diñeiro cos outros anos. Tamén podedes supoñer que, se todo sae ben, o próximo ano repetiremos a experiencia e tentaremos sacalos á venda no 1º trimestre do curso.

Se queredes comprar, ou se vos queredes encargar de vender algún, podedes pasar polo Departamento de Debuxo e Filosofía. Celia ou Uxío vos atenderán.

Moitas gracias a todas/os

Escrito por... Celia e Uxío